Xornadas · 8 de outubro de 2026 · 3 min de lectura
Aprendendo máis sobre a interpretación do patrimonio
Un dos meus obxectivos para estes primeiros anos de Marela é fortalecer as nosas capacidades en materia de Interpretación do Patrimonio, xa que moitos territorios están demandando crear oferta complementaria que permita achegar a súa historia e o seu patrimonio ao público visitante.

Desde sempre lle din unha importancia moi grande á disciplina da interpretación do patrimonio. Desde que estudei a carreira e o posgrao, o profesorado, especialmente Mavi Lezcano, soubo transmitirnos que unha das fórmulas máis eficaces para protexer e poñer en valor o patrimonio é a través da súa divulgación. E non de calquera xeito, senón a través da interpretación do patrimonio.
Unha das áreas nas que traballamos en Marela, é precisamente esta. Desde a base da interpretación do patrimonio, deseñamos actividades, experiencias e visitas guiadas que axudan aos territorios a contar a súa historia, a dar a coñecer os seus lugares de interese, a explicar como foi evolucionando ao longo dos anos, a identificar as pistas que nos dá a súa paisaxe sobre a forma de vida da súa poboación, etc.
Os "Cafés viaxeiros" da Facultade de Turismo da Universidade da Coruña
Por iso, interésanos moito aproveitar todos os recursos que temos preto para actualizarnos e continuar formándonos nestas materias. E esta vez, Mavi avisounos de que a Facultade de Turismo da Universidade da Coruña, dentro das súas xornadas "Cafés Viaxeiros", organizaba unha sesión sobre este tema, dirixida principalmente ao alumnado que este ano realiza as súas prácticas co Concello da Coruña, facendo visitas guiadas na cidade, especialmente na Cidade Vella e no Castelo de San Antón. Para iso, contaban coa experta en interpretación do patrimonio Isabel Fernández, de Ultramarina. Unha muller galega, emprendedora e con moito coñecemento e experiencia neste ámbito e tamén no da accesibilidade.

Estas xornadas que organiza a facultade son moi interesantes. É unha das múltiples formas nas que a universidade achega ao alumnado á realidade turística actual, convidando a profesionais do sector a compartir a súa experiencia, a debater sobre temas importantes que se están dando na nosa profesión, etc.
Deseñando visitas guiadas de calidade
Ademais da clase teórica que nos impartiu Isabel, os grupos realizaron unha parte práctica onde aplicaron a "receita da interpretación do patrimonio" que nos preparara durante a clase. O alumnado tiña que presentarse ao grupo, tendo en conta diferentes públicos, de diferentes idades e con casos de persoas con diversidade funcional, explicarlles quen eran, que obxectivo tiña a visita, algunhas indicacións sobre seguridade e normas básicas. A verdade é que o grupo fíxoo xenial e aprendemos moito.
A interpretación do patrimonio axuda a conservar os recursos, a xerar coñecemento sobre eles de xeito ameno e memorable e a tomar conciencia da necesidade de conservalos e divulgalos.

Formación en interpretación do patrimonio no CEIDA
Para as persoas que esteades interesadas en aprender sobre interpretación do patrimonio, recoméndovos que sigades moi de preto as actividades que desenvolve o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), en Oleiros. Cada ano adoita impartir dous cursos, de iniciación e avanzado, impartidos por Isabel Fernández. Ademais, recoméndovos que vos acheguedes ao Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga, que é un centro do CEIDA onde teñen importantes recursos sobre a materia e sobre os recursos e o patrimonio ambiental da nosa comunidade autónoma. Está situado nas antigas cabalerizas do Pazo de Lóngora e merece moito a pena.
