Detrás de Marela Projects

Quen somos

Somos unha consultora galega que deseña e xestiona proxectos de desenvolvemento local e turismo responsable conectando identidade, territorio, patrimonio, cultura e persoas.

Marta Rodríguez Casas, fundadora de Marela Projects
Foto: Anna Haidukova

Ola, son Marta

Son unha mestura de sensibilidade, rigorosidade e estratexia, ávida de axudar e de achegar para que as cousas funcionen ben e que os proxectos deixen unha pegada real no territorio. Levo vinte anos traballando en desenvolvemento territorial en Galicia. Comecei nunha entidade local na ría de Arousa e continuei a miña carreira profesional en consultoras especializadas en sostibilidade, liderando equipos e proxectos moi diversos: xestión de destinos turísticos, estratexias territoriais e plans directores, clubs de produto, marcas de calidade, xestión de asociacións turísticas, oficinas técnicas, estudos sectoriais, comunicación, etc.

Fundo Marela co propósito de continuar acompañando territorios e entidades e de seguir achegando no ámbito da planificación e a xestión do turismo, implicándome persoalmente en cada un dos proxectos. Se queres saber máis, falamos, mellor sempre cun café diante.

Encantaríame saber máis do teu proxecto e ver a mellor forma de axudarche

20 anos facendo traballo de campo e conectando persoas

Estes son algúns dos proxectos que marcaron a miña traxectoria e que, dun xeito ou doutro, me trouxeron ata aquí. E é que Marela é a evolución natural de todo o aprendido, das persoas coas que traballei e dun xeito de entender o turismo que sigo defendendo: un turismo que respecta a identidade do territorio, axuda a conservar o seu patrimonio e xera oportunidades para a mellora da calidade de vida da comunidade local.

  1. Bateas na ría de Arousa

    Os inicios

    A ría de Arousa

    Comecei escoitando de preto a profesionais das bateas, a pesca, o cultivo do mexillón, as embarcacións, as conservas, os restaurantes e as casas de turismo rural. Creamos itinerarios e produtos turísticos para poñer en valor toda a súa cultura mariñeira e gastronómica e aprendín que a planificación do turismo comeza pisando o territorio, visitando os establecementos, coñecendo as persoas do sector, escoitando e traballando man a man con elas e non unicamente detrás dun ordenador.

  2. Camiño entre a paisaxe rural galega

    15 anos

    Consultoría en Territorio, Sustentabilidade e Sector Público

    Durante case quince anos, traballei en dúas consultoras galegas especializadas en sustentabilidade de ámbito internacional. En ambos os casos, liderei e participei en moitos proxectos, a maioría con entidades públicas en Galicia e no Principado de Asturias. Grazas a esta etapa como consultora, puiden coñecer de maneira moi exhaustiva todo o territorio galego, todos os axentes implicados e integrarme no seu ecosistema turístico. A continuación, comparto os proxectos que máis me marcaron.

  3. Litoral da Costa da Morte

    7 anos

    Costa da Morte

    Tiven a sorte de poder acompañar a Costa da Morte Asociación Turística, o ente xestor do destino, desde os seus inicios e os seus primeiros sete anos de vida. Formei parte do equipo da súa Secretaría Técnica, traballando cos 17 municipios que conformaban o territorio e asesorando a súa directiva nas tomas de decisións e na planificación e xestión deste fantástico e agreste lugar de Galicia, no fin do mundo.

  4. Vista da Coruña

    Hoxe

    Marela Projects

    Un proxecto propio desde A Coruña, cunha rede de colaboradores que se activa segundo o que cada territorio precisa.

Estratexia e planificación do turismo

Diagnóstico das oportunidades do astroturismo en Galicia

2025

Etapa: Consultoría de territorio

O reto

Asesorar a Turismo de Galicia en materia de astroturismo, a partir da análise e diagnóstico dos destinos galegos certificados como Destinos Starlight, co obxecto de propor como incorporar o astroturismo dentro das campañas promocionais da entidade, como un exemplo claro de turismo responsable, diversificador da oferta e desestacionalizador da demanda.

O meu papel
  • Estudar os casos dos destinos Starlight galegos dese momento: Parque Nacional das Illas Atlánticas, Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Costa da Morte, A Veiga-Trevinca, Lalín, Muras e Reserva da Biosfera de Os Ancares Lucenses.
  • Coñecer os seus promotores in situ e analizar o seu percorrido, o estado de situación de cada un deles, as súas necesidades para continuar crecendo e as súas propostas futuras.
  • Axudar a Turismo de Galicia na toma de decisións sobre a súa postura ante a promoción do astroturismo como un dos novos produtos turísticos estrela de Galicia.
Resultado

Un informe detallado sobre as oportunidades do astroturismo de Galicia que axudou a Xunta de Galicia a coñecer o estado de situación dese momento para a toma de decisións estratéxicas arredor do tratamento deste produto turístico emerxente.

A miña mirada

A miña relación co astroturismo nace coa miña implicación na consecución da certificación da Costa da Morte como Destino Starlight. A partir de aí, formeime como Monitora de Turismo Astronómico pola Fundación Starlight, escribín un artigo sobre astroturismo na revista académica ROTUR, da Universidade da Coruña, e fixen este labor de análise e estratexia para Turismo de Galicia, que me permitiu coñecer en primeira persoa e en profundidade todos os Destinos Starlight de Galicia e os seus promotores e analizar todo o seu potencial.

Servizos relacionados

Queres un proxecto así?

Proxecto desenvolvido con Grupo Atlante.

Coordinación de axentes locais e dinamización territorial

Creación e posta en marcha da marca de calidade “Red Stelar” para o Camiño Inglés

2020–2021

Etapa: Consultoría de territorio

O reto

Crear un distintivo que recoñecese as empresas turísticas do Camiño Inglés pola súa excelencia en termos de calidade, sostibilidade e uso de produtos gastronómicos km 0.

O meu papel
  • En colaboración co equipo creativo, xestionamos o proceso de naming do distintivo e a súa imaxe de marca, de xeito que fixese un guiño ao traballo en rede, á estela como guía do Camiño, e o xogo coas estrelas para vinculalo á calidade.
  • Establecemos como tiñan que ser, traballar e vincularse ao territorio e á experiencia do Camiño aqueles aloxamentos e restaurantes que formasen parte desta Red Stelar.
  • Deseñamos unha metodoloxía de adhesión e de avaliación para que a asociación puidese xestionar a rede no futuro.
  • Axudámoslles a poñer en marcha a Rede, dando a coñecer o proxecto ás empresas turísticas de todos os municipios polos que pasa o Camiño Inglés e realizando as primeiras avaliacións dos candidatos, asesorándoos sobre as melloras que debían implantar e acompañando a directiva da asociación para a toma de decisións sobre as candidaturas.
  • Finalmente, en colaboración co equipo técnico da asociación, organizamos o evento final de entrega dos distintivos nun acto público–privado no Pazo de Mariñán.
Resultado

Unha rede de 30 empresas turísticas comprometidas coa sostibilidade, a calidade e o uso e promoción dos produtos gastronómicos locais nas súas cociñas, vinculadas ao Camiño Inglés, e un sistema eficaz para a Asociación de Municipios do Camiño Inglés para organizar a oferta turística, mellorar os estándares de calidade, fomentar o traballo en rede e contribuír á mellora da experiencia das persoas peregrinas.

A miña mirada

O proceso de construción da marca foi moi emocionante, analizando os valores que queriamos transmitir e desenvolvendo o storytelling. Ademais, estar en contacto con empresas diferentes e en territorios diferentes achega unha gran visión do ecosistema turístico galego, as súas fortalezas, as súas expectativas, os seus retos, etc. Un dos aspectos máis importantes deste tipo de iniciativas é que achegas ás entidades xestoras dos destinos unha ferramenta útil para activar o sector, para entablar diálogo público-privado, para promover o traballo en rede arredor dun proxecto en común.

Servizos relacionados

Queres un proxecto así?

Proxecto desenvolvido con Grupo Atlante.

Coordinación de axentes locais e dinamización territorial

Dinamización turística na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo a través do SICTED e a súa marca de calidade propia

2019–2020

Etapa: Consultoría de territorio

O reto

Implantar de xeito simultáneo diferentes selos de calidade nos establecementos turísticos e produtores locais nos municipios que conforman a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, para posicionar o destino no panorama do ecoturismo a nivel nacional e internacional.

O meu papel
  • Coordinar o equipo e xestionar este proxecto de implantación da marca de calidade propia da Reserva da Biosfera, a adhesión ao Club de Ecoturismo de España e ao SICTED (actualmente, Sostibilidade, Intelixencia e Calidade Turística no Ecosistema do Destino).
  • A través da metodoloxía do SICTED, acompañabamos as empresas nos seus procesos de adhesión e de implantación destes tres distintivos, comprobando o cumprimento dos requisitos, deseñándolles os seus plans de mellora, facéndolles seguimento, organizando e impartindo obradoiros formativos e grupos de mellora e favorecendo o traballo en rede.
Resultado

Un grupo de empresas activo e coordinado a través deste proxecto promovido pola Reserva da Biosfera, comprometidos coa sostibilidade, a calidade, o produto km 0, o que contribuíu a que a Reserva da Biosfera sexa, a día de hoxe, un referente en ecoturismo e no traballo coordinado entre produtores locais e sector turístico e hostaleiro.

A miña mirada

Deste proxecto quédome especialmente coa excepcional visión da Reserva da Biosfera e a continuidade e coherencia dos seus proxectos cara ao seu obxectivo. Ademais, é exemplar a xestión eficiente dos seus recursos e o aproveitamento de sinerxías, integrando diferentes proxectos de xeito intelixente en lugar de tratalos de xeito diferenciado.

Servizos relacionados

Queres un proxecto así?

Proxecto desenvolvido con Grupo Atlante.

Estratexia e planificación do turismo

Programa de Turismo Sostible do Principado de Asturias

2016–2020

Etapa: Consultoría de territorio

O reto

Deseñar a base das estratexias de promoción e competitividade turística do Principado de Asturias, a partir dos seus recursos naturais e culturais máis diferenciadores.

O meu papel
  • Organizar os traballos do equipo.
  • Analizar os recursos turísticos e a identidade de Asturias como destino.
  • Organizar o proceso de participación social con axentes locais.
  • Identificar os retos do plan e as súas liñas estratéxicas, así como os seus produtos cabeceira de marca e o seu plan de acción.
Resultado

Un plan concertado con todas as partes interesadas que serviu de folla de ruta para o Principado para conseguir os seus obxectivos en canto á internacionalización, a sostibilidade, a desestacionalización, o equilibrio territorial e a profesionalización do sector.

A miña mirada

Foi enriquecedor traballar co equipo asturiano, coñecer en profundidade o territorio e ir descubrindo, a futuro, que se materializaban as nosas propostas en todas as accións promovidas pola entidade nos anos seguintes á entrega dos traballos. O mellor exemplo do que é a boa execución dun plan estratéxico de destino.

Servizos relacionados

Queres un proxecto así?

Proxecto desenvolvido con Valora.

Estratexia e planificación do turismo

Plan Director do Camiño de Santiago

2016–2017

Etapa: Consultoría de territorio

O reto

Coordinar un equipo formado por persoal técnico de áreas tan diversas como turismo, xeografía, arquitectura, ciencias ambientais, historia, etc. para analizar de xeito holístico o estado do Camiño en todas as súas rutas e en todas as súas etapas, para propoñer un plan director e un plan estratéxico que mellorase a xestión integral do Camiño conservando a súa esencia, mellorando a experiencia das persoas peregrinas e preparándoo especialmente de cara ao Ano Santo Xacobeo 2021.

O meu papel
  • Xestionar o equipo multidisciplinar.
  • Organizar mesas sectoriais e de persoas expertas no Camiño en diversas materias: a Igrexa, as asociacións de amigos do Camiño de Santiago, a Universidade, a rede de albergues, o sector turístico, os concellos, os servizos de seguridade e protección civil, etc.
  • Completar un traballo moi exhaustivo de análise e diagnóstico para a posterior definición da estratexia que axudaría a Xunta de Galicia a dirixir as súas accións e investimentos no Camiño no período 2017–2021.
Resultado

Unha ferramenta útil e rigorosa para a Xunta de Galicia para a xestión e a toma de decisións en materia do Camiño de Santiago.

A miña mirada

Foi moi enriquecedor o estudo do Camiño en todas as súas vertentes, e compartir ideas, valoracións e propostas coas persoas máis expertas en todas elas. Tras escoitar todas as partes, desde as máis relixiosas ou espirituais ata as máis prácticas e económicas, puiden armar a miña propia idea sobre o Camiño e a súa esencia: hai tantas formas de facer o Camiño como persoas que o fan, e todas son válidas cando hai tolerancia e respecto.

Servizos relacionados

Queres un proxecto así?

Proxecto desenvolvido con Valora.

Creación de produtos turísticos

Creación dos produtos cabeceira de marca de Galicia

2011–2012

Etapa: Consultoría de territorio

O reto

Conceptualizar os produtos turísticos cabeceira de marca de Galicia e, sobre esta base, identificar os recursos turísticos galegos que se poderían enmarcar en cada produto para crear experiencias turísticas temáticas en toda a comunidade e así estruturar a oferta turística de Galicia.

O meu papel
  • Apoiar o equipo técnico de traballo na conceptualización dos produtos denominados «Patrimonio Oculto», «Santuarios Máxicos», «Bosques de Galicia», «Faros e praias salvaxes» e «Top Ten de Galicia».
  • Establecer que tipo de recursos integrariamos en cada produto e que requisitos terían que cumprir para contemplar a súa integración neles.
  • Realizar un estudo profundo do patrimonio galego, a través dun minucioso traballo de campo, seleccionando os recursos que integrariamos nas experiencias creadas ao longo de todo o territorio galego.
  • Elaborar contidos promocionais das experiencias para crear os folletos turísticos de cada produto, traballando en colaboración con axencias de viaxes para crear paquetes turísticos que integrasen estas experiencias.
Resultado

Unha oferta turística galega ordenada baseada na identidade e os valores intrínsecos de Galicia, con propostas concretas de itinerarios e experiencias turísticas que daban a coñecer o territorio de xeito equilibrado e responsable.

A miña mirada

Foi un dos proxectos máis bonitos que fixen na miña carreira profesional porque grazas a el teño un coñecemento profundo do patrimonio natural e cultural de Galicia. Lembro subir en plena vaga de frío polar a Trevinca en busca do Teixadal de Casaio, un bosque ancestral e tan máxico que sei que xamais o esquecerei. Este proxecto, ademais, permitiume establecer unha metodoloxía de traballo estupenda para a creación de produtos turísticos baseados na identidade dos territorios e a redacción de contidos promocionais e de divulgación do patrimonio natural e cultural.

Servizos relacionados

Queres un proxecto así?

Proxecto desenvolvido con Valora.

Coordinación de axentes locais e dinamización territorial

Dinamización territorial do río Mandeo a través de “Refuxios do río Mandeo”

2009–2013

Etapa: Consultoría de territorio

O reto

Dinamizar o territorio bañado polo río Mandeo, na provincia da Coruña, a través da creación dunha rede de empresas turísticas locais e unha marca de calidade e sostibilidade denominada «Refuxios do río Mandeo».

O meu papel
  • Definir a marca e os seus criterios de adhesión.
  • Realizar visitas ás empresas para a comprobación do cumprimento dos requisitos.
  • Elaborar plans de mellora individualizados.
  • Propor actividades grupais para a dinamización e o traballo en rede.
  • Impartir formación sobre a marca, a calidade turística, a cooperación e o asociacionismo.
  • Promover o uso de produtos locais e o concepto de gastronomía km 0.
Resultado

Un territorio, aínda sen moita traxectoria turística, cunha rede consolidada de concellos, empresas e profesionais do sector turístico (aloxamentos, restaurantes e turismo activo e actividades complementarias) colaborando para a súa dinamización.

A miña mirada

Foi o meu primeiro proxecto de consultoría tras ter traballado como técnica de turismo na ría de Arousa. Estiven varios anos achegando ao proxecto e establecendo relación cos axentes locais e percorrendo o Mandeo. Foi un proxecto fantástico, de moita aprendizaxe, e a antesala de proxectos posteriores que foron facendo medrar a actual Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo como un referente en ecoturismo a nivel internacional.

Servizos relacionados

Queres un proxecto así?

Proxecto desenvolvido con Valora.

Xestión e gobernanza de destinos

Xestión do destino turístico Costa da Morte

2017–2025

Etapa: Costa da Morte

O reto

Poñer en marcha e facer que funcione o ente xestor da Costa da Morte, Galicia.

O meu papel
  • Implantar un modelo de funcionamento interno eficiente.
  • Coordinar 17 concellos, equipos técnicos e políticos.
  • Asesoralos para a toma de decisións responsables.
  • Propor folla de ruta e coordinar as súas actividades.
  • Conseguir financiamento.
Resultado
  • Un ente sólido, con ferramentas de control e xestión.
  • Sistema de cofinanciamento estable.
  • Contas saudables.
  • Obtención do Certificado internacional de Destino Starlight.
  • Adhesión ao SICTED.
  • Posicionamento de marca.
  • Boas relacións institucionais.
  • Rede de colaboración estable de carácter público-privado.
A miña mirada

Non sempre se dá a oportunidade de conseguir a continuidade dun proxecto durante tantos anos, de ser testemuña da súa evolución e poder recoller o sementado. Este foi o proxecto máis longo no que participei ao longo da miña traxectoria, e precisamente ese tempo permitiume ver os resultados da boa xestión e dun sistema de traballo colaborativo entre o equipo do que formaba parte, os concellos, a parte política e a parte empresarial. Sen dúbida, lévome as persoas que coñecín eses anos e a obtención do certificado de Destino Starlight — no seu momento, a Costa da Morte foi o cuarto destino de Galicia en conseguir este selo que distingue os territorios con boas condicións de observación do ceo nocturno e, polo tanto, baixa contaminación lumínica. Hoxe en día, son socia da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte, que se formou por profesionais do turismo local formados como Monitores de Astroturismo, coma min.

Servizos relacionados

Queres un proxecto así?

Proxecto desenvolvido con Grupo Atlante.

Solpor en Laxe, A Espera, con siluetas de persoas xunto ao mar

A nosa forma de estar en cada proxecto

Valores que se perciben dende a primeira reunión

Honestidade e proximidade

Escoitamos con empatía e falamos claro. Gústanos facer equipo desde a amabilidade e o trato profesional e próximo.

Obxectivos en común

Os obxectivos dos nosos clientes e colaboradores son tamén os nosos. Un proxecto só funciona se gaña o territorio, o seu patrimonio, a súa comunidade e o seu tecido empresarial.

Creatividade

Encántanos partir da folla en branco e buscar solucións diferentes adaptadas a cada lugar e a cada proxecto. Cada territorio merece unha resposta propia.

Funcionalidade

Desenvolvemos proxectos pensando na súa eficacia e tamén na súa sustentabilidade. Gústanos que todo o que facemos sexa útil, práctico e que funcione ben mesmo cando nós xa non esteamos.

Criterio

Temos moita experiencia e aplicámola a diario con rigor. Iso permítenos acompañar e asesorar na toma de decisións importantes con criterio e con coñecemento real de cada contexto.

Estratexia

Actuamos sempre cun plan e cos obxectivos moi presentes, cunha visión global e a longo prazo que nos permite ser eficientes e avanzar con paso firme cara ao que queremos conseguir.

“Marta é unha gran profesional e defensora da planificación turística. Sempre conta coa xente dos destinos para garantir o futuro dos proxectos, son a súa alma. Ela sábeo!”
Ada González, técnica de turismo do concello de Dumbría.
“A nosa asociación de astroturismo nace da semente do traballo e o empeño de Marta para conseguir o selo de Destino Starlight na Costa da Morte, coa finalidade de protexer o ceo nocturno e de promover un turismo máis responsable”.
Yolanda Díaz, presidenta da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte.
“Marta é unha persoa profesional e responsable coa que dá gusto traballar. Levamos anos compartindo proxectos en distintos destinos e sempre dá o mellor de si, coidando cada detalle. A súa implicación foi sempre clave para acadar bos resultados, pero o que máis valoro é a confianza e a tranquilidade de saber que forma parte do equipo.”
Emilio Cuíñas, socio consultor en Autoxiro Turismo.

A rede de Marela

Unha rede que amplía o que podemos facer

Ao longo dos anos fomos tecendo unha rede de profesionais con experiencia e habilidades en diferentes ámbitos, con quen levamos tempo colaborando e en quen confiamos plenamente.

Cando un proxecto necesita incorporar outras capacidades, podemos formar o equipo que cada reto require de xeito áxil e flexible. Coñecémonos, compartimos valores e, cando nos xuntamos, simplemente todo flúe dende o primeiro día.

Así, cada proxecto combina a cercanía e visión global de Marela coa experiencia especializada de quen forma a nosa rede.

Estas son as áreas de coñecemento coas que podemos reforzar cada reto:

Deseño gráfico e identidade visual

Fotografía e produción audiovisual

Comunicación e redes sociais

Redacción de contidos

Tradución e interpretación

Narrativa de viaxes

Interpretación do patrimonio

Intermediación turística

Desenvolvemento web e tecnoloxía

Sustentabilidade e medio ambiente

“En ingenyus* colaboramos habitualmente con Marela e destacamos especialmente a súa visión estratéxica e a súa capacidade para entender cada proxecto de xeito global. O seu coñecemento do territorio, cercanía e facilidade para traballar en equipo reflíctense no gran valor que achega”

David Pequeño, director xeral en ingenyus*

Cóntanos o teu proxecto

Se xestionas un territorio, unha organización ou un proxecto de desenvolvemento local, cóntanos a túa idea mesmo se aínda está tomando forma. Encantaranos escoitarte e tomar boa nota do que nos contes para pensar en como podemos axudarche.