Turismo · 9 de setembro de 2026 · 3 min de lectura
Douvos a benvida a Marela e ao meu blog
O meu caderno de campo acompáñame sempre. Todo o importante está nel. A través do blog, compártovos parte das miñas notas, as miñas reflexións sobre a actualidade do sector, as miñas aprendizaxes, as miñas inquietudes...

O propósito de Marela
Sempre admirei ás persoas que emprenden. Esa capacidade de lanzarse e apostar por un proxecto propio, de construír algo desde cero e de ir aprendendo e crecendo pouco a pouco. Eu tardei en darme conta de que emprender, no meu caso, era o paso máis honesto e coherente que podía dar.
Ademais do reto que supón dar este paso a nivel persoal e profesional, o meu propósito vai moi da man cun sentimento de responsabilidade e de compromiso cara á miña profesión e ao meu sector. Vivimos un momento no que o turismo está no centro de moitos debates. Nos últimos anos, xurdiron situacións que nos preocupan moito como cidadás e cidadáns: masificación, xentrificación, turismofobia, perda de identidade, impacto ambiental, saturación de espazos,... O cambio do modelo urxe. E quen traballamos en turismo, especialmente en planificación e xestión do turismo, temos unha responsabilidade enorme en canto a achegar para que ese cambio chegue.
Así, deste xeito, nace Marela Projects. O meu proxecto de emprendemento para contribuír a que o turismo sexa o que ten que ser: un motor de desenvolvemento socioeconómico, unha ferramenta para a conservación e o reforzo da identidade, unha panca para a creación de oportunidades para a comunidade local, unha vía para a posta en valor do patrimonio natural e cultural. Todo isto é posible cunha xestión máis consciente e responsable.
O meu caderno de campo
Desde o meu primeiro traballo e ata hoxe, sempre me acompañou un caderno (enténdase, en realidade fun enchendo decenas deles). Nestes cadernos, apunto todo o importante que necesito interiorizar, ter en conta, lembrar, reflexionar. E acompáñame alá onde vou. Sobre todo cando fago traballo de campo, xa que é unha parte imprescindible do meu traballo. Anoto o que vexo, o que me chama a atención, o que aprendo, o que non domino e necesito aprender, o que investigo, o que considero que hai que mellorar, o que me conta a xente que vive no territorio, as preocupacións das persoas que traballan no sector, as ideas que se me ocorren... Para min, o meu caderno é parte do meu selo de identidade e é un reflexo da importancia que lle dou a escoitar, observar e desenvolver a creatividade.
O caderno de campo é símbolo do importante que é percorrer e estudar o territorio co que traballamos e escoitar e tomar nota de todo o que ten que dicir a comunidade local
O que atoparedes no blog
Aquí ireivos contando un pouco de todo, coa humilde aspiración de que vos resulte interesante, útil, curioso ou inspirador. Falarei en primeira persoa da actualidade do sector turístico, dos proxectos que vou desenvolvendo con Marela, dos lugares que vou descubrindo, da miña forma de entender o turismo, de viaxes e experiencias que vivo como turista, de leccións que aprendo neste camiño do emprendemento e un longo etcétera. Imos vendo! Grazas e benvidos e benvidas ao universo de Marela.